CELEBRAMOS O DÍA DA PARÁLISE CEREBRAL

Cos nosos amigos e amigas de APAMP. 

O pasado 6 de outubro celebrouse o Día Internacional da Parálise Cerebral. Unha ocasión máis para estreitar os lazos cos nosos amigos e amigas de APAMP, que acudiron ó seu encontro co alumnado de 6º B manexando as súas sillas motorizadas. 

Os nosos catro invitados, que tiñan afectada a comunicación en diferentes grados, presentáronse e proxectaron un vídeo sobre a parálise cerebral. Tratábase dun documental de concienciación no que as familias explicaban o día a día convivindo con personas que padecen este trastorno, non dende o victimismo, senón dende unha postura realista que facía fincapé, por unha banda, na necesidade de axudas, e, pola outra, na oportunidade que experimentan como familia consolidando a unión para afrontar esta problemática. 

Logo estableceuse un diálogo cos rapaces, no que os convidados nos falaron dos seus hobbies. Sorprendeunos moito que a un deles encantáballe nadar, porque, nese momento, sentíase libre. E a outro, ler e escribir nas redes sociais, xa que estes son os medios cos que pode comunicarse. De feito, faino a través dunha aplicación que reproduce a súa voz. 

Por último, convidaron ós cativos a dicir o que lles gustaba, ou a quen admiraban. Este foi un momento moi emotivo, xa que os rapaces resaltaron as figuras de familiares que, a pesar de ter moitas dificultades, consiguen seguir os seus estudios, ou son quen de superar unha enfermidade, ou de coidar doutras persoas que os necesitan. 

En resumo: 

  • aprendemos que unha persoa con parálise cerebral pode ter unha afectación maior ou menor para o desenvolvemento da súa vida; 
  • que existen diferentes alternativas para que unha persoa con parálise cerebral poida expresarse; 
  • que arredor delas tamén existe unha rede de apoio que lles proporciona amor e soporte vital e emocional.
Se premedes na seguinte imaxe poderedes acceder ó álbum de fotos. 



Comentarios