SON DO CLUB DE LECTURA


Toma xa!

Diferentes circunstancias alleas á nosa vontade foron adiando o inicio do noso Club de Lectura, pero... a espera pagou a pena!

Dende o mes de outubro o alumnado de 5º e 6º de Primaria está convidado a participar no Club de Lectura. Montse, a mediadora, deixara ben claras as condicións: desexar realmente pertencer ó club, esquecendo se vai ou non vai o meu amigo ou amiga, e ser responsable ata o final. 

Por outra banda, establecimos tamén unha limitación: máximo de 12 alumnos e alumnas. 

Con estas premisas o pasado xoves, con toda a seriedade e rigor (e con urna de por medio), os voluntarios e voluntarias foron depositando a súa candidatura. 





Presentáronse cinco alumnos e alumnas de 6º de Primaria, ós que se engadiron oito de 5º. Había que eliminar a algún do nivel inferior. 

A profe Sofía actuou como man inocente, e, unha a unha, foi extraíndo as papeletas. A emoción de ser seleccionado ou seleccionada quedou patente na expresión de K: Toma xa!

Finalmente, a papeleta dunha compañeira de 5º quedou solitaria na urna. Que facer?

Unha onda de espontaneidade estendeuse entre a rapazada. Por suposto, aceptamos ampliar o club!

Pois aquí vedes o contentísimos que quedaron. Isto promete!

Comentarios