OBRADOIRO DE RADIO POLO SAMAÍN
O noso obradoiro de radio de Samaín foi todo un éxito!
Ao longo das sesións, o alumnado participou con moita ilusión na preparación dos podcasts de «Ondas de lenda», o especial de Samaín de Radio Castelao.
Para moitos nenos e nenas era a primeira vez que se enfrontaban ao reto de preparar unha escaleta de radio, organizar unha intervención, repartir as voces e gravar diante dun micrófono.
O resultado non puido ser mellor: participaron con responsabilidade, esforzáronse por falar con claridade e conseguiron elaborar pequenas pezas radiofónicas cheas de misterio, tradición e ganas de comunicar.
Pero detrás de cada podcast houbo moito máis ca unha gravación.
Antes de poñerse diante do micro, o alumnado tivo que buscar información, lela, comprendela, seleccionar os datos máis importantes e transformalos nun texto propio, adaptado ao formato radiofónico. Non se trataba de copiar toda a información dispoñible, senón de decidir que era realmente interesante contar e como facelo para que quen estivese ao outro lado quixese seguir escoitando.
Deste xeito traballamos aspectos fundamentais do noso PLEA, como a procura, selección, tratamento e comunicación da información, ao tempo que desenvolvemos a competencia lectora, a expresión oral, a autonomía e o traballo cooperativo.
A biblioteca escolar volveu converterse así nun verdadeiro lugar de encontro: un espazo para investigar, compartir, preparar, crear e dar voz ás aprendizaxes.
E, por suposto, tamén houbo tempo para coñecer un pouco máis a nosa tradición e achegarnos a diferentes seres da mitoloxía galega, que foron os protagonistas destes podcasts especiais de Samaín.
Agora toca escoitalos.
Poñede os auriculares, abrídevos ao misterio e deixádevos levar polas nosas… ONDAS DE LENDA!
Parabéns a todo o alumnado participante polo seu traballo, pola súa implicación e por atreverse a afrontar un reto novo.
Radio Castelao segue emitindo… e isto non fixo máis que comezar.

Comentarios