ONDAS DO MAR DE VIGO
O alumnado tivo que superar diferentes probas repartidas en tres portos. En cada un deles agardaban retos e pistas que debían resolver para conseguir as letras necesarias e, finalmente, compoñer as palabras que dan nome ao noso proxecto: ONDAS DO MAR DE VIGO.
Pero as sorpresas non remataron aí…! Recibimos unha carta moi especial de Jules Verne, o escritor que inmortalizou a nosa ría na súa coñecida obra Vinte mil leguas de viaxe submarina.
Na súa mensaxe, Jules Verne lanzounos un reto moi emocionante: se volvese visitar Vigo, que lugares lle ensinaríamos? Que recunchos da nosa cidade lle recomendaríamos descubrir? Que historias, paisaxes, tradicións e tesouros agochados lle amosaríamos?
A nosa misión será elaborar unha guía turística de Vigo, na que recolleremos todo aquilo que consideramos imprescindible para que Jules Verne volva namorarse da nosa cidade e da súa ría.
Comeza así unha viaxe chea de investigación, lectura, creatividade e descubrimentos polo noso entorno.
Preparade as mochilas, abrimos as velas e… todos a bordo!

Comentarios