EU SON CORTALUMES!


Manifesto para a actividade Educando no monte. 

O alumnado de 5º curso de Primaria da nosa escola foi o encargado de redactar o Manifesto para a xuntanza do día 19 no Monte dos Pozos. Como é ben fermoso merece un post especial. Aquí o tendes.


Fai un ano todos nós e as nosas familias nos estremeciamos co que estaba a pasar en Vigo e a súa bisbarra. Nesta parte de Galicia, o lume levaba con el un dos maiores tesouros da nosa terra: o verdor e a frescura dos nosos montes que, durante tantos anos, aniñaran nas polas das súas árbores.
Un ano despois, xuntámonos neste día para desenvolver unha actividade que ten por obxectivo non esquecer o que pasou e o que significaron eses lumes para tanta xente. 
Nesta mañá festiva vivimos tres momentos distintos cos que manifestamos a nosa intención de colaborar coa creación e conservación natural, ao tempo que desexamos gozar dos espazos verdes.
O primeiro xesto vimos de facelo en Sobreira, coa plantación das árbores autóctonas que moitos de nós criamos durante este último ano. É o noso xeito de reiniciar un ciclo de vida que desexamos que nunca máis se vexa interrompido.
O segundo xesto, a aperta ao monte, é o xeito de dicir que o queremos, que nos gusta ver monte dende as fiestras das nosas casas ou desde os coches cando viaxamos polas estradas, ir coller follas e cogomelos no outono e flores silvestres na primavera.
E o terceiro, a festa que deseguido vai comezar, porque queremos ser positivos, estar alegres e compartir esa ledicia entre todos, neste momento de convivencia no monte.
 Neste acto no que tantos nenos e nenas de Vigo nos xuntamos imos dicir ben alto e claro o que queremos e o que non queremos nos nosos montes.


QUEREMOS:
    • Mirar cara adiante e traballar para que os montes volvan estar cheos de vida.
    • Repoboar  os terreos que quedaron asolados con árbores autóctonas  que poidan convivir con outras especies e conseguir un monte sostible.
    • Coidar e mimar as especies vexetais e animais que viven  nos montes, procurando que o seu entorno se manteña sempre limpo.
NON QUEREMOS:
    • Volver  ver troncos queimados no medio dos montes e cinza cubrindo o seu chan.
    • Que ninguén nos roube a ledicia de poder pasear e desfrutar da natureza entre as árbores.
Entre todos podemos conseguir que eses lumes queden no pasado, que non se repitan, porque.... EU SON CORTALUMES....
    • E que dicides vós, nenos do Castelao, sodes cortalumes?
    • Nenos de Matamá, sodes cortalumes?
    • Os de Sobreira-Valadares, sodes cortalumes?
    • E que me dicides os de O Pombal, sodes cortalumes?
    • Rapaces do Eduardo Pombal, sodes cortalumes?
    • Cativos e cativas do Tintureira, sodes cortalumes?
    • Rapazada co Candeán-Igrexa, sodes cortalumes?
    • E os de Escultor Acuña, sodes cortalumes?
       Pois agora, A CELEBRAR!!!!


Comentarios