SEMENTANDO VERDOR


Convivencia no monte no aniversario dos incendios de 2017.

Por fin chegou o 19 de outubro! Unha data que esperabamos con moitísima ilusión e agarimo. Todos lembrabamos a tristeza que nos embargaba o día 16 de outubro de 2017, cando chegabamos á escola e contemplabamos a negrura do entorno, os cristais rotos para coller as mangueiras e o cansazo despois dunha noite terrible.

Pero un ano despois vemos o mundo con outra ilusión. Estamos concienciados co noso entorno, e queremos que, ó noso arredor, agromen a vida e o verdor.

Dende moi cedo comezan os preparativos na escola. Vestir as camisetas, os panos vermellos, subir ordenadamente ós buses. No monte, moitas persoas están xa a traballar para nós: a Policía Local, Protección Civil, a Comunidade de Montes de Vigo, os técnicos da Consellería de Medio Ambiente...






Na chegada ó Monte Sobreira, onde comezaron os incendios, acompáñanos os alumnos e profesores do IES Valadares, que fan de guías e reporteiros gráficos. Alí xuntámonos arredor de 1300 rapaces e rapazas de oito escolas: CEIP Escultor Acuña, CEIP Igrexa - Candeán, CEIP Eduardo Pondal, CEIP O Pombal, CEIP Tintureira - A Paz, CEIP Josefa Alonso (Matamá), CEIP Sobreira - Valadares, e nós, o CEIP Castelao de Navia.



Despois de cruzar o vial pola pasarela, chegamos ó terreo de plantación. Alí están os buratos feitos, e xunto a eles, os minúsculos carballos sementados o curso pasado polos nenos e nenas do CEIP Escultor Acuña, coidados con esmero e agarimo polos brigadistas da súa escola.


Debe ser unha ocasión moi especial, porque achéganse onda nós o alcalde e o delegado de Educación, que lanzan cadanseu discurso, descobren o monolito (baixo o cal soterran a caixa do tempo coas nosas firmas) e sementan unha árbore. 





E logo tócanos a nós. O terreo e os exemplares son limitados. Así que dous representantes de cada aula sementan un carballo en cada burato. 



Rematada a plantación volvemos ós buses e subimos ó Monte dos Pozos


Os últimos douscentos metros subímolos a pé. Resulta emocionante ver como os diferentes grupos se achegan entre as árbores. 


Alí espéranos un momento entrañable: todas as escolas sitúanse arredor do lago artificial, xuntan as mans e cantan Ven comigo



dous alumnos de 5º curso de Primaria len o Manifesto que teñen preparado na súa aula. 


Tamén nos dirixe unhas verbas César Freiría (Cé Orquestra Pantasma), nado na parroquia de Valadares, que vai animar a festa. E catro nenos do CEIP de Sobreira botan ó aire sendas pombas para habitar os bosques.



Toca merenda e baile. Un grupo de pais e nais do CEIP Sobreira reparten plátanos e augas cedidos por GADIS. Polo camiño, recibimos con sorpresa a visita da Policía Montada. 



Dirixímonos ó escenario, onde Cé Orquestra xa ten os seus instrumentos preparados. Aplaudimos ó neno autor do logotipo da actividade, e facemos entrega a Gregorio (da Comunidade de Montes de Vigo) do noso cadro colaborativo

E comeza a actuación. Unha mestra do CEIP Escultor Acuña, especialista en lingua de signos, acompaña a Césarnas súas cancións. 


O noso tempo no monte remata. Fíxose moi curto para tantas sorpresas. Sen embargo, a maior das sorpresas foi o fermoso e caluroso día que se presentou, despois dunha semana chea de chuvia. Un día inesquecible que foi posible grazas ó soño dunhas mestras que pensaron xuntas e foron quen de transmitir as súas inquedanzas ás súas escolas. 


Premede na imaxe para acceder ó álbum de fotos. 

Grazas a todos por participar, polo voso entusiasmo e polo voso gran de area para preservar os nosos montes!





Comentarios