LER IMAXES
... para entender o mundo.
Durante o mes de novembro, como recordaredes, tivemos unha lembranza especial pola catástrofe do Prestige, un acontecemento que tinguíu de negro os nosos corazóns e as nosas costas.
Investigando na Biblioteca localizamos un libro titulado O triunfo da solidariedade, no que se recollen imaxes de fotoperiodismo ambiental que conformaron unha exposición de homenaxe ós voluntarios. Dita exposición tivo lugar no Centro Tecnolóxico do Mar (Vigo) no ano 2007.
En 5º curso de Primaria traballamos sobre a imaxe que atoparedes neste enlace:
O primeiro que fixemos foi describir o que viamos: a imaxe moviase entre dúas tonalidades: o negro e o ocre. En primeiro plano aparece un líquido negro; debatimos sobre iso e descubrimos que non se trataba dun río, xa que non existía continuidade no curso e o líquido era viscoso e denso.
Chamounos tamén a atención a persoa que se ve ó fondo, contemplando o líquido: vestida de negro, non sabemos se se trata dun home ou dunha muller. Perto desta persoa, tres cestos no medio da negrura.
Enseguida a rapazada deduciu que o líquido era petróleo, e que a imaxe, probablemente, estaba vencellada co afundimento do Prestige.
Pasamos a continuación a expresar os sentimentos que nos provoca a imaxe. Falamos de soidade, de impotencia, de tristeza. E descubrimos unha palabra descoñecida para nós: desacougo. Brais buscouna no dicionario e deunos o significado: intranquilidade, nerviosismo, impaciencia.
Parece mentira que unha soa imaxe poda dar tanto de si!
Comentarios