UN PERIODISTA NO COLE

Luis Pardo apréndenos os segredos da radio. 

O pasado 18 de febreiro Luis Pardo achegouse á nosa escola para ofrecernos un obradoiro de radio. Ofrecemos a crónica que nos achega Sara A., alumna de 6º A de Primaria

O pasado venres, 18 de febreiro, o alumnado de 4º, 6ºA e 6ºB tivemos a oportunidade de aprender máis sobre o mundo da radio. Recibimos a visita de Luis Pardo, un periodista da Cadena Ser que nos explicou detalladamente cales son os elementos principais na radio: a voz, a música, os efectos de son e o silencio. Parece raro pensar que o silencio sexa tan importante, pero así o puidemos comprobar en varios exemplos que nos amosou.

Tamén nos ensinou a modificar textos dunha noticia dun xornal para poder relatalos na radio porque eran moi longos e difíciles de ler. Insistiu moito en que as novas que se emiten pola radio deben estar feitas con oracións curtas e utilizar palabras que non sexan demasiado complicadas de pronunciar.

Escoitando varios podcasts puidemos comprobar como se empregan os elementos da radio e tamén nos ensinou a ler textos amosando diferentes emocións.

Foi unha actividade na que o pasamos xenial e nos divertimos, ao mesmo tempo que aprendimos cousas interesantes sobre un tema curioso e distinto para nós. Todos o pasamos moi ben.


Sara Álvarez. (6ºA)


Moitas grazas, Sara! Tes moitas calidades para seguir o camiño de Luis. 

Agora... a pór en práctica todo o aprendido!

Comentarios