PREMIO DA CURTAMETRAXE "VALENTINA NUNCA CALAS E O MONSTRO DA MEDIA CARA"
Este curso dentro do programa Nós tamén creamos!, o alumnado de 2º de primaria realizou unha curtametraxe inspirada no libro "Valentina nunca calas e o monstro da media cara"; da editorial OQO.
Este libro foi elixido de entre un lote que a editorial lles entregou para realizar o proxecto. Tras a lectura dos distintos libros, Valentina foi o preferido do alumnado e enseguida comezaron a pensar nunha adaptación que integrase o noso PDI do centro “Segredos da natureza”.
Tras unha chuvia de ideas o alumnado comezou a realizar o guión gráfico e realizar bocexos en papel dos distintos escenarios e personaxes. Para os escenarios empregaron un único fondo feito con retallos de papel de xornal e o resto dos elementos decorativos foron realizados polo alumnado en folios usando distintas cores. Algúns destes elementos foron ampliados na fotocopiadora para os primeiros planos. Para a realización dos personaxes realizouse unha votación sobre os bocexos e os gañadores foron realizados novamente en cartolina. Os elementos móbiles como ollos, boca, brazos, pernas... uníanse ao tronco/cara empregando blue-tack.
Unha vez realizados os escenarios e os personaxes comezouse a gravación para a que se empregouse un trípode e unha tablet da biblioteca. Cada día un grupo íase aquendando para posibilitar a participación da totalidade do alumnado.
Para a parte sonora, a mestra de música axudoulle ao alumnado a elaborar os sons ambientais utilizando instrumentos e voz, e ensinoulle a canción ”esta roda xira” que é o tema principal de Valentina. Esta canción foi empregada na realización do cásting para a voz da protagonista.
Finalmente realizouse a gravación das distintas voces e as mestras realizaron a montaxe final empregando o Adobe Premiere.
A curta foi premiada na categoría 2 neste mesmo programa e o alumnado foi convidado ao acto que se celebrou o mércores 28 no CGAC en Santiago de Compostela. Foi unha gala moi fermosa onde o alumnado puido desfrutar do resto das curtas gañadoras e se puxo en valor a lingua e cultura galega.
Pero o mellor premio para o alumnado foi a visita das súas familias á preestrea que ce celebrou un día antes da gala. Encargáronse de recibilas con moito entusiasmo, presentar a curta e despedilos cunha rolda final de preguntas, tarefas que desempeñaron cunha gran profesionalidade!
A curtametraxe podedes vela na plataforma do Xabarín xunto con outros contidos en galego axeitados para ao público infantil (https://www.xabarin.gal/).
Parabéns por este fermoso traballo!
Comentarios