DÍA DA PAZ. GRÚAS, CONTOS E DESEXOS

Con motivo da celebración do Día Escolar da Non Violencia e da Paz, no noso centro levamos a cabo distintas actividades co obxectivo de achegar ao alumnado valores como a paz, a solidariedade, o respecto e a esperanza.
Un dos eixos principais do noso traballo foi a historia das Grúas da Paz, que coñecemos a través da vida de Sadako Sasaki, unha nena sobrevivente da bomba atómica de Hiroshima. A súa historia emocionounos e axudounos a comprender a importancia de desexar e construír un mundo en paz. Inspirados nela, o noso alumnado participou na creación das súas propias grúas, cheas de ilusión e bos desexos.


Ademais, organizamos unha exposición de libros relacionados coa temática da paz, a amizade, o respecto e os dereitos humanos, que estiveron ao alcance de todos os nenos e nenas. Esta exposición permitiu achegarse aos libros dun xeito libre e motivador.


Como actividade especial, contamos cun contacontos a cargo dos axudantes da biblioteca, que compartiron historias cos nenos e nenas de Infantil, creando un momento máxico de escoita, imaxinación e reflexión.


Tamén levouse a cabo unha convivencia de padriños lectores entre o alumnado de cursos superiores e os seus afillados e afilladas de Educación infantil. Durante esta actividade os padriños compartiron a lectura de contos e álbums ilustrados relacionados coa paz, a amizade, o respecto, a empatía e a resolución pacífica de conflictos.



En Infantil tamén traballamos a figura de Malala Yousafzai, a través do conto O lapis máxico de Malala. A partir desta historia, falamos do poder da palabra, da educación e dos soños. Finalmente, cada neno e nena puido debuxar os seus propios desexos, expresando aquilo que lles gustaría cambiar ou mellorar no mundo.




Foi unha xornada moi especial, chea de aprendizaxes significativas, emocións e mensaxes positivas, na que seguimos sementando, dende pequenos, a importancia da paz. 

Comentarios