ASÍ CELEBRAMOS O DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES
Cun pouco de retraso, pero con moita intensidade.
O comezo de curso resultou, outra vez, complicado. A Maga Tomasa tivo que botar man, de novo, de toda a súa maxia para colocar cada cousa no seu sitio. Iso levou o seu tempo. De aí que celebrásemos o Día das Bibliotecas Escolares na primeira semana do mes de novembro.
Xa que este curso a Asesoría nos propón traballar a poesía... que menos que comezar descubrindo o que é! E, para iso, nada mellor que a lectura do fermosísimo libro titulado Un poema para curar a los peces, de Jean - Pierre Siméon.
Esta lectura xa nos deu moitas pistas para comprender o cartel deste curso.
Así, descubrimos que non só atoparemos poesía na sección 82 da nosa CDU, ou nos libros de poesía. Porque poesía é sinónimo de beleza: a que atopamos nas palabras coas que Juan Ramón Jiménez describe a Platero, no ceo estrelado, nas notas engarzadas dunha música fermosa, na danza silandeira dos seres submarinos...
Este curso, pois, leremos poesía, escribirémola... pero tamén descubriremos a poesía que nos rodea.
A continuación, propuxemos unha divertida actividade para descubrir o título do PDI deste curso. Unha actividade que, como veredes, moito ten que ver coa poesía.
Distribuímonos en grupos, e cada un deles recibiu un sobre con cinco pistas e unha folla de traballo.
Algunhas pistas resultaron complicadas, e tivemos que facer uso dos tradutores en liña.
E, así conseguimos descubrir o título do noso PDI: Pinga a pinga, pensa en verde.
Pero non creades que a cousa quedou aquí. Agora precisades ler as nosas pistas para entender o traballo posterior. Premede na seguinte imaxe para coñecelas.
Coñecido o título do PDI voltamos ler o fragmento do poema de Federico García Lorca titulado Romance sonámbulo. E logo:
- os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º propuxeron palabras que aparecían no poema, ou ben obxectos que podiamos imaxinar;
- os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º propuxeron sensacións e sentimentos que nos inspira a palabra verde.
Cos maiores explicamos que, para Federico, a palabra verde estaba relacionada coa morte, e tratamos de comprender o porqué.
Cos listados de palabras, cada grupo terá que elaborar unha nube. Xa vos contaremos noutro post como resultaron.
Por último, entregamos un papel en branco a cada aula. Este papel formará parte do mural colectivo do noso PDI. Só temos unha consigna para decoralo: pensar en verde.
Esperamos ansiosos os resultados dos nosos traballos. Xa vos manteremos informados. Mentres tanto, premendo na seguinte imaxe descubriredes outros momentos desta actividade.
Comentarios