OS FANTÁSTICOS INVESTIGAN...

... sobre o Maltrato Animal. 

Son catro e son Fantásticos, aínda que os únicos superpoderes que teñen son a súa bondade, a súa amizade e toda a potencialidade que levan dentro. 

Todos os xoves, coa profe Montse, reúnense na Biblioteca nun Obradoiro de Habilidades Sociais. Neste pequeno intre semanal levan feito un montón de cousas: participar en xogos cooperativos, falar das súas cousas, e sobre todo, aprender a quererse, a respectarse e a traballar xuntos. 

E está claro que o están a facer moi ben. Por iso foron quen de investigar sobre un tema que lles preocupa: o Maltrato Animal. E despois de atopar respostas ás súas preguntas, decidíronse a gravar o seu primeiro programa de radio. 

En semanas anteriores estiveron a practicar, e hoxe, á primeira... resultou este programa marabilloso. 

O público que alí estabamos non puidemos frear o aprauso espontáneo, descoñecedores de que o ordenador seguía gravando. E como a espontaneidade é o maior e máis nobre dos agasallos... aí quedou: porque un aprauso é o que merecen estas catro fantásticas persoas

Parabéns, rapaces, por este traballo tan marabilloso! Estamos desexando volver a escoitarvos!

Comentarios