CANTO APRENDEMOS COCIÑANDO!


Co alumnado de 2º B. 

Hoxe estivo na Cociña da Tomasa o derradeiro grupo de alumnado de 2º B. Estivemos cociñando crema de verduras e arroz con vexetais

Estes son os produtos da horta que empregamos: 


CREMA DE VERDURAS


1. Lavamos o porro, o pemento, o apio, a leituga e as acelgas. 
2. Troceámolos en anacos grandes e pómolos na ola. 
3. Pelamos a pataca. Lavámola, troceámola e pómola na ola. 
4. Pelamos a cebola. Troceámola e botámola na ola. 
5. Engadimos sal e auga, 
6. Pomos a ola na cociña. 
7. Cando a pataca estea branda retirámola. 
8. Pasamos todo polo batedor. 
9. Engadimos os queixos en porcións e seguimos batendo. 

ARROZ VEXETAL


1. Pelamos a cebola e picámola en anaquiños pequenos.
2. Lavamos o porro, o pemento, o tomate, os tirabeques e as acelgas da horta. Picámolos en anaquiños pequenos. 
3. Debullamos as fabas. Sacámoslle a pel coa punta dun coitelo ou coa unlla. 
4. Pelamos a cenoria. Lavámola e cortámola en cadradiños pequenos. 
5. Botamos todos os ingredientes anteriores nun wok con sal e un pouco de aceite. 
6. Pomos o wok na cociña. 
7. Cando estea bastante feito engadimos un vaso de arroz. 
8. Removemos cunha culler de pau.
9. Engadimos dous vasos de auga. 
10. Deixamos facer a lume forte. 
11. Cando case non quede auga botamos as fabas.

Todo o proceso que temos exposto foi documentado polo propio alumnado. Así xurdiu un extenso álbum de fotos con encuadres dignos de grandes fotógrafos. Quen sabe o que nos deparará esta cativada! Se premedes na seguinte imaxe accederedes ó álbum. 


Pero o máis sustancioso foi compartir mesa coa cativada. E alí eles mesmos analizaron o traballo desenvolvido, e descubriron moitas das cousas que aprenderon: 
      • fixeron tarefas que nunca antes desenvolveran (cociñar, fregar); 
      • aprenderon a relaxarse, cociñando ou debullando; 
      • traballaron a motricidade fina; 
      • practicaron a virtude da paciencia (que importante!)
      • empregaron vocabulario en galego;
      • traballaron en equipo, axudándose os uns ós outros; 
      • probaron ingredientes que nunca antes comeran;
      • compartiron saberes (por exemplo: Abril aprendeunos a linguaxe dos cubertos: como dicir que a comida nos gustou moito).
Por último, teño que felicitar a este grupo de cativos e cativas, pero tamén ás súas familias. Ningún outro grupo anterior esforzouse tanto por colaborar e deixar as instalacións da nosa cociña tan limpas e ordeadas. 

Parabéns por aprenderlles tan ben, papás e mamás!



Comentarios