SEGUIMOS INVESTIGANDO

En 1º B. 

Esta mañá, a rapazada de 1º B recibiu unha nova encomenda. O grupo de arqueólogos que traballa a carón da escola atopou unha serie de utensilios, e a rapazada debía averiguar a quen pertencían. 

Dentro da caixa que abrimos con gran curiosidade e cerimonia atopamos: 

      • un cencerro
      • un axóuxere
      • varias plumas
      • unha pluma estilográfica
Quen perdería estes obxectos?

Pareceu bastante claro: o cencerro era da vaca; o axóuxere do gato e as plumas da galiña. A pluma estilográfica concluíron que pertencía ó granxeiro. 

E... para que serven estes obxectos?

Despois de compartir chegamos á conclusión de que o cencerro e o axóuxere servían para que o dono soubese onde estaban os animais. 

Tamén lembramos o dito "quen lle pon o axóuxere ó gato?". Semella que resulta difícil facelo, xa que o gato é un pouco salvaxe: revólvese e rabuña, e non deixa que lle coloquen un colar no pescozo. 

E logo nos centramos nas plumas

Aínda que pensamos que se trataba dun bolígrafo, Celia comentou que a estilográfica era unha pluma para escribir. Pasámola para vela todos e comprobamos que tiña unha punta particular. Algún neno indicou que vira nas películas antigas que algúns señores escribían cunha pluma que metían en tinta. 

Chegamos á conclusión de que, ó principio, ós homes reciclaban todas as partes das galiñas, e empregaban as plumas para escribir. Pero, co progreso da técnica, acabaron inventándose as plumas estilográficas, que non había que mollar, senón que se alimentaban cunha carga de tinta que, cando se remataba, se recargaba. 

Pero... de quen era a pluma? Que tipo de animais teñen plumas? 

Uns comentaron que dun paxaro. Outros que dunha ave. E pensamos... será o mesmo un paxaro que unha ave? Esta é a primeira cuestión que temos pendente de investigar. 

E seguimos indagando... para que serven as plumas? Hugo dixo que eran para protexerse do frío; alguén indicou que coas plumas a galiña daba calor ós pitos cando eran cativos ou cando incubaba os ovos. Pero... resulta que tamén protexen da calor e da chuvia, porque son impermeables. 

Analizamos ben as plumas: vimos que están compostas por filamentos que saen dunha vara ríxida. Esta é a segunda encomenda que nos fixemos: como se chama esa vara?

Tamén sinalamos que as plumas serven para voar. Aínda que temos dúbidas, porque Teo indicounos que en Nova Zelanda existe unha ave que se chama kiwi que ten plumas pero que non voa. Vaia cousa máis rara! Haberá que investigar!

Por último, repartimos a cada rapaz un caderniño con información sobre a galiña. Que lectura máis chula teremos durante esta semana! Así saberemos máis cousas para a próxima sesión. 

Premendo na seguinte imaxe accederedes ó álbum de fotos da xornada. 





Comentarios