Un saúdo

Benvidos a tod@s. Seredes moi ben recibidos neste novo espazo de lecer. Disfrutádeo.

22/12/11

Celebración do Nadal

O día 21 de decembro tódol@s alumn@s e profesores do colexio celebramos xuntos a chegada do Nadal. Bailamos, cantamos panxoliñas e mesmo asistimos a unha cea de Nadal preparada polas nosas "meiguiñas" de 2º (fantásticos actores e actrices @s nen@s deste curso).
Despois gozamos dunha sesión de cine con debuxos para os máis pequenos e unha estupenda película relacionada cos xogos olímpicos para os maiores: "Elegidos para el triunfo. Jamaica bajo cero". Unha historia baseada en feitos reais que merece a pena ver en familia e que, dende aquí, vos recomendamos. Un xeito estupendo de comprender o valor do esforzo, do afán de superación e o verdadeiro sentido dos xogos olímpicos ... e do deporte en xeral. Valores todos eles que deberían estar presentes na vida de todos nós.
Animádevos a vela cos vosos fillos. Seguro que compartides un tempo moi feliz.

19/12/11

5º viaxa á Antiga Grecia

Os alumnos e alumnas de 5º adicaron unha sesión da semana pasada a traballar nunha webquest que nos pasaron os compañeiros e compañeiras do CEIP de Rubiáns a tódolos centros que, dentro do proxecto PLAMBE, estamos a traballar os xogos olímpicos.
Baixo o título de "Viaxamos á Antiga Grecia?" puideron facer un  primeiro achegamento á antiga Grecia e á súa cultura, centrándose en aspectos como a moda da época, o seu alfabeto (mesmo escribiron os seus nomes en grego), a ciencia e a arte , como comprendían eles a Terra, o Sol e as estrelas e, como non, os deuses do Olimpo e a mitoloxía grega.
O caso é que gozaron moitísimo desta actividade e, mostra delo, son estas fotos que vos deixamos aquí.

4º investigando na biblioteca

Aquí estamos os rapaces e rapazas de 4º para amosarvos unhas imaxes do noso traballo de investigación na biblioteca do colexio.
Este ano estudiamos os catro grupos dos seres vivos, así que estivemos buscando información sobre os animais, as prantas, os fungos e os microorganismos para, despois, elaborar uns murais que nos quedaron moi chulos e que temos expostos na nosa clase.

9/12/11

10 de Decembro: Día dos DDHH

63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)


7/12/11

HIMNO OLÍMPICO


Ola a todos!
Este primeiro trimestre os alumnos e alumnas de 6º curso traballaron sobre o Himno Olímpico: cando xurdiu, quen compuxo a música, de quen é o texto, cando e como chegou a ser elixido Himno Olímpico..... e outras curiosidades máis que deixaron plasmadas nun mural que podedes ver na entrada do colexio.

E aquí vos deixamos un vídeo no que o podedes escoitar, ó tempo que disfrutades dunhas estupendas imaxes deportivas.