PEPE CARREIRO


PEPE CARREIRO

Este debuxante e humorista gráfico naceu en Vigo en 1954. Uns dos primeiros debuxos de Pepe Carreiro foron carros tirados por cabalos. Os seus pais rexentaban un bar e no Vigo de finais da década dos 50 aínda era habitual que o reparto das bebidas se fixese neste tipo de vehículos. No colexio realizaba caricaturas dos compañeiros e dos profesores e rápido colleron sona as súas dotes como debuxante. Comezou en 1977 coa banda “O fillo de Breogán”. Foi un dos fundadores de “Can sen Dono”. Ten colaborado en “El Pueblo Gallego”, “Faro de Vigo”, “La voz de Galicia”, e “A Nosa Terra” entre outros, así como na primeira etapa da revista “Golfiño”.
Como ilustrador ten acadado moita fama entre todos os nenos e nenas de Galicia grazas as aventuras de Tatá, Carlos, Braulio, Pili, Loli, Sonia e o canciño Chispa que forman a gran familia dos Bolechas, serie iniciada no 2000, da man da editorial A Nosa Terra, na que os fillos dunha familia numerosa fan da vida cotiá unha aventura constante.
No seu currículo figura tamén a creación da Historia de Galiza para rapaces e da Historia universal tamén para o público infantil.
No 2003 recibiu o Premio Ourense de Banda Deseñada.
Coa editorial Toxosoutos ten en marcha a serie Os Barbanzóns, unha familia castrexa que habita no Castro de Baroña.

Comentarios