CASPERVEK NA NOSA BIBLIOTECA

Que luxo!

O terceiro trimestre comezou moi intensamente. As nosas expectativas eran moi altas, e en absoluto quedamos defraudados: o 12 de abril estiveron connosco Brais González e Blas Castañer, fundadores de Caspervek, un marabilloso trío que, con gran éxito, se adica a compoñer e interpretar música para películas de cine mudo. 

O encontro desenvolveuse ó longo de toda a mañá, e tivo tres momentos: 

  • Concerto para o alumnado do Primeiro Ciclo
  • Obradoiro de efectos, co alumnado de 2º de Primaria
  • Entrevista co compositor Brais González, a cargo do alumnado de 6º de Primaria
1. CONCERTO

Este breve concerto, no que participou o alumnado de Primeiro Ciclo, desenvolveuse en torno á película de cine mudo titulada O inmigrante, interpretada por Charlot. Ademais de asistir a un espectáculo de gran calidade, o obxectivo do concerto foi concienciar ó alumnado sobre as posibilidades artísticas e creativas que nos ofrece o cine mudo, favorecendo un clima axeitado de cara á participación no obradoiro posterior. 

Premendo na seguinte imaxe poderedes acceder a varios momentos do concerto, e comprobar o atentísima que estaba a rapazada. 


2. OBRADOIRO DE EFECTOS

Rematado o concerto, o alumnado de 2º de Primaria, en dúas quendas, participou con gran entusiasmo neste obradoiro creativo. Traballamos sobre un fragmento da película O campión, de Charles Chaplin, que transcurre nun ring de boxeo. 

Dividiuse ó alumnado de cada aula en dous grupos que, posteriormente, cambiou os seus papeis: 
  • un deles, tras visualizar un curto fragmento, debía crear diálogos, sincronizándoos coa imaxe;
  • o outro debía crear unha ambientación sonora, empregando para elo distintos instrumentos e efectos.

Premendo na seguinte imaxe poderedes acceder ó voluminoso álbum de fotos que dá fe do ben que o pasamos, o motivados que estivemos e, sobre todo, do moito que aprendemos. 



3. ENTREVISTA

Na hora do recreo, o alumnado de 6º de Primaria entrevistou a Brais González na nosa radio escolar, tal e como vos contamos neste post

En breve darémosvos conta dos resultados das nosas gravacións. Non temos dúbida de que resultarán marabillosos, porque así o foi a actividade. 

Grazas, Brais e Blas, por esta mañá inesquecible!



Comentarios