PENSANDO E DESCUBRINDO...


... tan só cunha imaxe. 

En 1º curso de Primaria, durante a Hora de ler, estivemos a pensar sobre a imaxe que se nos propuxera neste post.

O primeiro que fixemos foi describir o que viamos: un neno pequeno contempla unha ave morta.

Pero... onde está tomada a imaxe...?

Non houbo dúbidas. Nunha praia: ó fondo da imaxe pódese ver unha duna de area seca. En primeiro plano, a area aínda enchoupada pola baixada da marea, e unha fina lámina de auga á dereita.

En que época do ano estará tomada esta imaxe?

Os nosos investigadores tivérono claro por moitos motivos:
  • non pode ser verán, porque habería moita xente na praia; 
  • será inverno, porque o neno (ou nena) está vestido con zapatos de goma, cazadora, gorro e luvas; 
  • se fora verán, habería máis luz. O ceo está anubrado;
  • vese unha lixeira sombra; pero é demasiado alongada como para ser verán. 
Por que terá morto a ave?
  • Seguramente terá que ver coa historia do barquiño que nos contaches (o libro Nunca máis, sobre a catástrofe do Prestige).
  • Igual foi pescar e quedou manchada polo chapapote. Non puido voar. 
  • Ó mellor bebeu auga contaminada de chapapote e morreu. 
Para outra sesión quedará pensar na impresión que nos provocou a imaxe. Vinte minutos non dan para máis. Pero... non pensades que foron moi ben aproveitados?

Comentarios