CHARLA SOBRE AUTISMO
A semana pasada o Departamento de Orientación organizou no centro unha charla moi especial con Marlene Horna Castiñeiras.
A súa intervención foi moi enriquecedora e axudounos a comprender mellor como viven, senten e aprenden os nenos e nenas con autismo, así como o papel tan importante que temos como educadores na súa inclusión.
Marlene explicounos que o autismo non é igual en todas as persoas, pero adoitan compartir algúns rasgos comúns, como:
- Dificultade para comprender normas sociais ou interpretar xestos e emocións.
- Intereses moi intensos por certos temas ou actividades.
- Necesidade de rutinas e orde para sentirse seguros.
- Hipersensibilidade ou hiposensibilidade a sons, luces ou texturas.
- Formas diferentes de comunicarse: poden falar pouco, usar ecolalias ou empregar outros medios para expresarse.
A charla tamén deunos moitas ideas prácticas para favorecer a inclusión e a convivencia positiva:
- Manter rutinas claras e estruturadas, co apoio de pictogramas ou axendas visuais.
- Falar con linguaxe sinxela e directa, evitando dobres sentidos
- Ofrecer tempos de calma e espazos tranquilos cando o neno ou nena o precise.
- Valorar e potenciar os seus intereses especiais como punto de partida para a aprendizaxe.
- Promover a empatía e o respecto entre o grupo, explicando que todos aprendemos dun xeito diferente.
Esta charla foi unha oportunidade marabillosa para abrir os ollos e coñecer mellor todos os aspectos que engloba o autismo.
Grazas pola túa visión.

Comentarios