INVESTIGAMOS SOBRE OS REFUXIADOS

Para celebrar o Día da Paz.

En relación co noso PDI deste curso (Fun polo aire, vin polo vento), quixemos pór de relevo algunha desas situacións que existen pero que talvez descoñecemos ou non queremos ver. Así que decidimos investigar sobre os refuxiados. 

Comezamos en 1º e 2º de Primaria cun traballo que tiña como obxectivos

  • Facernos pensar sobre diversas situacións que se producen no mundo.
  • Desenvolver a competencia lectora.
  • Traballar de xeito cooperativo. 
  • Descubrir que moitas persoas famosas foron refuxiadas nalgún momento da súa vida. 
Así, os diversos grupos de traballo que foron pasando pola biblioteca sentaron na mesa e comezaron a dialogar, sempre coa pregunta: Que é un refuxiado?



A meirande parte dos cativos non sabía o que era; pero algúns máis espabilados contestaron que un refuxio era un lugar onde nos resgardabamos dos perigos. Así que deducimos que un refuxiado sería unha persoa que busca refuxio. 

E aí viña a segunda pregunta: E por que se sentirán en perigo esas persoas?

As respostas foron variadas: fenómenos da natureza (choiva, tsunamis, terremotos, tormentas...), fame, seca, incendios, inseguridade, guerra...

Lembramos as pateras que chegan ás costas de Canarias. E abordamos a terceira pregunta: Credes que o tema dos refuxiados é de agora, ou que xa existe hai moito tempo?

Por último: Se nós fósemos refuxiados, credes que a nosa vida no lugar de acollida sería doada? A resposta foi unánime: non. 

A continuación explicamos que, a pesar do difícil que resulta a vida para os refuxiados, algúns deles conseguiron ser persoas moi importantes. 

Deste xeito, propuxémoslle a cada grupo traballar sobre un refuxiado famoso para descubrir a súa vida e contarlla ós compañeiros doutras aulas. 

No caso do alumnado de 1º curso traballamos con pictogramas para facilitar a lectura. A dinámica comezaba cunha foto do personaxe e a rapazada debía adiviñar a que se podía dedicar. 



Logo entregabamos a cada neno un fragmento desordeado de biografía que debía ler ante os compañeiros. Cada neno do grupo debía expoñer o que comprendera da información. 


Un a un iamos desvelando a vida do personaxe. Algúns deles tiveron que desprazarse moitos miles de kilómetros, e buscamos os lugares polos que pasou na bola do mundo. 


Finalmente, axudándonos dunha liña biográfica, ordenamos os anacos para que a biografía tivese coherencia. 


Os de , que non tiñan pictogramas nin fotos, buscaron na internet unha imaxe do personaxe para rematar. 


Agora só queda que nos conten o que aprenderon. Pero, mentres tanto... podemos ver o ben que traballaron nestas fotos. (Premede na imaxe para acceder ó álbum). 












Comentarios