FALANDO DE CÍRCULOS...

... descubrimos o título do noso PDI.

Nas dúas últimas semanas, en 1º e 2º cursos de Primaria, estivemos a reflexionar sobre círculos. E iso levounos a coñecer o título do noso PDI deste curso. 

Todo comezou lembrando ese extraño símbolo que apareceu nas nosas aulas. 


De que se trataría? As respostas foron variadas, pero... moi ben encamiñadas!
  • O símbolo do infinito, que é algo que non ten comezo nin fin
  • Un circuito
  • Algo que cando remata volve empezar
  • O símbolo de reciclar
Así chegamos á conclusión que era como un círculo, que non se sabe cando comeza e cando finaliza. 

Pero a cousa non rematou aí. Pedimos ós cativos que pensasen en fenómenos circulares que se producen na natureza. As respostas foron moi interesantes: 
  • as flores e as plantas: dunha semente que crece; unha planta que morre e volve saír;
  • a Terra, que dá voltas ó redor do Sol (grazas ó cal temos estacións);
  • tamén a Terra xira sobre si mesma, e iso dá lugar ós días e ás noites;
  • as fases da Lúa, que son catro: nova, crecente, chea e minguante; 
  • o ciclo dos seres vivos, que nacen, crecen, se reproducen e morren;
  • os xirasois que van cada día movendo a súa cabeza seguindo a dirección do sol;
  • o ciclo da auga...
Logo presentamos o debuxo dunha froita típica desta época do ano: a mazá. Imaxinamos que traiamos unha para o recreo:
  • Que parte comeríamos?
  • Que parte sobraría? 
  • Que fariamos co que sobra?
As respostas foron unánimes: comeríamos a carne da mazá e desbotaríamos a folla, talvez a pel e o carozo coas sementes. Pero... onde poñeríamos os restos non comestibles?

Algún comentou que no lixo; pero eles mesmos foron corrixíndose e chegaron á conclusión de que o mellor sería facer compost coa pel, as follas e o carozo, e plantar as sementes

Axudándonos duns debuxos completamos o ciclo dunha maceira



Tamén tivemos que ler unhas palabras - clave que colocamos en cadanseu lugar: 



E, por último, descubrir o título do noso PDI. Para iso tivémonos que fixar moitísimo nas palabras anteriores, e adiviñar que consoante aparecía unha vez na primeira palabra e dúas veces en todas as demais. 

A resposta foi veloz: o R

Pois axudándonos da nosa plantilla, xa o tiñamos clarísimo: 




O título era RqueR. RqueR de:
  • reciclar, reutilizar e reducir;
  • de obstinados e rabudos para salvar o noso Planeta. 
Pero non só hai círculos na economía, nin na Natureza. Tamén hai contos circulares, que rematan onde comezan. Entre todos, coa axuda do kamishibai, contamos o de A viaxe de Olaf


Que ben o pasamos! Talvez tamén poidamos aprender algunha canción circular!

Mentres tanto, deixámosvos co álbum de fotos que poderedes visitar premendo na seguinte imaxe: 



Comentarios