ESCOITANDO, E DIALOGANDO...


 ... deducimos o título do noso PDI. 

Nas aulas de 3º e 4º de Primaria andamos estes días descubrindo o título do noso PDI. Para iso comezamos lembrando un símbolo que apareceu recentemente nas nosas aulas: 


Rapidamente comentamos que se trataba do símbolo do infinito, que é algo que non ten fin, como os números. Pero que tampouco ten comezo, xa que, por debaixo do 0 existen os números negativos. 

A continuación propuxemos o visionando deste vídeo, no que aparece o devandito símbolo. 



Moi atentos, toda a rapazada coñeceu axiña: 
  • Que a Axenda 2030 é un acordo que acadaron en 2015 os principais líderes do mundo coa intención de salvar ó Planeta da destrución.
  • Que coa finalidade de coidar o Planeta se estableceron 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) que serán os que nos dean pistas para abordar a tarefa. 
  • Que todos os ODS están interrelacionados: se evitamos a fame no mundo mellorará a situación das mulleres e haberá máis igualdade e  máis xustiza; se facemos un uso responsable dos recursos evitaremos contaminar o aire ou a natureza. 
  • Que o símbolo misterioso que apareceu na clase correspóndese co ODS 12, que se titula Consumo e produción sostible
Logo pensamos que poderíamos facer nós, dende a escola, para contribuir ó cumprimento do ODS12. Xurdiron as seguintes propostas: 
  • Separar os restos de froitas: plantar as pepitas, e cos residuos orgánicos facer compost. 
  • Montar un horto de froitas e verduras.
  • Separar os residuos nas seguintes categorías: envases e plásticos - residuos orgánicos - vidro - papel.
  • Reducir o consumo de luz e o uso do automóbil.
  • Usar bolsas de tea ou de papel en lugar das de plástico.
  • Reciclar.
Durante esta conversa xurdiron interesantes reflexións acerca do papel da muller. Realidades como as das nenas obrigadas a casar con homes moi vellos en países desenvolvidos foron relacionadas polas mestras presentes con situacións que ocorrían na nosa terra non hai tanto tempo. 



Tamén aproveitamos para pór en valor o papel das nosas avoas nas aldeas, onde se desenvolvía unha auténtica economía circular grazas á cal non se desaproveitaba nada e onde o compost chamábase esterco

Por último, salientamos a importancia do consumo de produtos de tempada, para evitar a enorme contaminación que provoca o transporte de mercadurías entre distintos puntos do Planeta. 



Chegaba o intre de averiguar o título do noso PDI. Para iso partimos de varios verbos que saíron durante a conversa: 
  • SEPARAR 
  • RECICLAR 
  • REUTILIZAR 
  • SEPARAR 
  • REDUCIR 
Neses verbos, aparecía dúas veces unha consoante que formaba parte do título do noso PDI, tamén, por dúas veces: 

__ que __

E inmediatamente dimos con ela: o R



Pois a iso imos: a poñer un R na nosa vida, e a ser obstinados na defensa do Planeta. 

Comentarios