DÍA DA PAZ E NON VIOLENCIA

 O 30 de xaneiro celebramos o Día Escolar da Paz e a Non Violencia, unha data especial para lembrar a importancia da convivencia, o respecto e o coidado do planeta. Este ano quixemos destacar a figura de Wangari Maathai, unha muller inspiradora que dedicou a súa vida á defensa do medio ambiente e á xustiza social.

Wangari Maathai foi unha activista keniana e a primeira muller africana en recibir o Premio Nobel da Paz no ano 2004. Fundou o Movemento Cinto Verde, a través do cal promoveu a reforestación no seu país e axudou a moitas comunidades a mellorar a súa calidade de vida. A súa mensaxe é clara: coidar a natureza é unha forma de coidar ás persoas e fomentar a paz.

Foron moitas as actividades realizadas:

- Exposición temática con lecturas pola Paz.


- Contacontos pola Paz por parte do alumnado bibliotecario. Elixiron tres contos que representaron aos nenos e nenas de infantil: Orellas de Bolboreta, Ser amigos e o Peixe arcodavella co material que eles mesmos elaboraron con grande esforzo nos ratiños de patio na Biblioteca creativa. 

- Lemos o conto “Wangari e as árbores da paz”, unha historia baseada na súa vida que nos permitiu reflexionar sobre como pequenos xestos poden xerar grandes cambios.


- O alumnado  ilustrou o conto cunhas fermosas representacións feita coas súas propias mans. 


- Os usuarios da biblioteca realizaron diferentes propostas creativas polas Paz: mandalas, colgantes...                              

O día 30 recreamos o noso propio “Cinto Verde”. Cada nena e neno, xunto cos padriños e madriñas maiores decoraron unha árbore con mensaxes de paz e compromiso co planeta. Estas árbores formaron un gran mural no noso centro, recordándonos que a paz tamén se constrúe protexendo a natureza.

Grazas a todas as nenas e nenos por participar nesta fermosa celebración do Día da Paz e a Non Violencia! 




Comentarios