ALUMNADO BIBLIOTECARIO
Na nosa biblioteca escolar, contamos cun equipo moi especial: o alumnado bibliotecario. Nenos e nenas de 5º e 6º de primaria que día a día acuden á biblioteca para colaborar, axudar, aprender e para facer da biblioteca un espazo máis vivo, organizado e acolledor.
Ao longo do curso, o alumnado bibliotecario participa en diversas tarefas:
- Organización e clasificación dos libros: Axudan a colocar os libros no seu lugar segundo o sistema de clasificación da biblioteca, mantendo as estanterías ordenadas e accesibles para todo o alumnado.
- Atención ao público: Durante os recreos colaboran no servizo de préstamo e devolución, rexistrando os libros no catálogo.
- Animación á lectura: Participan en actividades de animación á lectura, recomendan libros mediante exposicións ou seccións destacadas por temáticas, preparan contacontos para o alumnado de infantil en datas sinaladas...
- Coidado do espazo: Axudan a manter a biblioteca limpa e coidada, vixiando que se respecten as normas de convivencia e animando ao resto do alumnado a facer un bo uso dos materiais e instalacións.
Ser parte deste equipo é unha experiencia enriquecedora pois o alumnado desenvolve habilidades de responsabilidade, traballo en equipo, compromiso e autonomía.
Polo que queremos dar as grazas a todo o alumnado bibliotecario polo seu esforzo, dedicación e entusiasmo!
Comentarios