UNHA MAÑÁ CON ERNESTO IS



Coñecendo o oficio de dramaturgo.

O pasado día 8, mentres a rapazada de 5 anos e de 4º de Primaria participaba na V Quedada Literaria, os de 5º e 6º gozamos coa visita de Ernesto Is, dramaturgo, contacontos e profesor de teatro. Ademais é membro de Feira do Leste, unha compañía de teatro e danza.

Ernesto é unha das moitas xoias que merecen ser coñecidas no colexio. É membro da comunidade educativa do noso centro, por seres o papá dun neno de Educación Infantil. Pero, ademais de ser unha persoa vital, entusiasta e xenerosa, é un grandísimo escritor de teatro.

Unha das curiosidades de Ernesto é que naceu en Xixón, e que chegou a Vigo para estudiar na ESAD, veciña nosa. Disto hai só uns cantos anos, xa que é un rapaz moi novo. Ernesto non renega das súas orixes. Sen embargo, síntese tan noso que ten adoptado o idioma da nosa terra como propio. E abofé que o domina mellor ca nós!

A carreira de Ernesto é moi prometedora: ten gañado o Premio Abrente de Ribadavia coa obra Fendas. Tamén ten recibido un encargo do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música. Un encargo cun fermosísimo título: El hombre que soñaba con elefantes en las estrellas.

E, finalmente, ten sido o vencedor do Premio Rafael Dieste de Textos teatrais 2017 pola obra Despois das ondas.

Precisamente desta obra veunos falar Ernesto. Despois das ondas trata sobre unha grandísima actriz galega, por desgraza bastante descoñecida e pouco valorada polas circunstancias históricas que lle tocaron vivir: María Casares. Filla de Santiago Casares Quiroga (o derradeiro presidente do Goberno da Segunda República) María foi toda a súa vida unha exiliada, o que non lle impediu ser recoñecida como a primeira actriz de Francia.

A charla comezou explicándonos que é a dramaturxia.



A continuación, a través de diversas fotografías, Ernesto contounos a vida de María Casares.



En 5º de Primaria quedaron tan impactados co tema da Guerra Civil e do exilio que non deixaron de facer preguntas.  (Premede na imaxe para acceder a outras fotos). 



Pero en deu tempo para todo: tamén para facer de dramaturgos.

Así que, ó final, organizados por parellas e partindo da frase Ola! Como estás!, tiveron que inventar dúas personaxes, crear unha historia e, por último, pórlle título.

Os rapaces estiveron entusiasmadísimos. Ó rematar, os que quixeron leron en público o resultado. E pódovos asegurar que saíron historias divertidísimas, dignas dunha obra de teatro. Podedes botarlles unha ollada premendo na seguinte icona. Non esperedes que estean correctamente escritas: o que veredes son os borradores cos que traballaron os rapaces.



Se premedes na seguinte imaxe poderedes ver máis momentos desta marabillosa e divertida xornada. 



Deixámosvos aquí a adicatoria que Ernesto deixou no noso Libro de sinaturas, despois da sesión co alumnado de 5º de Primaria. 



Moitísimas grazas, Ernesto, pola túa visita. Desexamos que teñas moitísimos éxitos!

Comentarios