BAUTISMO ESCORNABÓTICO

 


En 2º de Primaria. 

Nas últimas semanas, a rapazada de 2º de Primaria está acudindo á Biblioteca para traballar cos escornabots. 

Participar nestas sesións é toda unha sorpresa. Hai un halo máxico: todo rezuma entusiasmo e expectación, e contrariamente ó que poidades pensar, a sesión dá para pensar moito. 

Os rapaces chegan á sala creativa e tan só atopan o escornabot enriba da mesa de robótica. Non explicamos nada. Só preguntamos: que será isto? E o descubrimento é marabilloso: "non teño nin idea"; "ó mellor, é un robot"; "pode ser un robot porque ten rodas, botóns, unha pila e cables". 

E se prememos nos botóns? 

Pois tamén tivemos que pensar. Ó principio, non pasaba nada, premésemos onde premésemos. Por iso pensamos que, talvez, habería que pulsar os botóns de cores, e, logo, confirmar co branco. 

Así foi. O robot comezou a funcionar. 

Logo tivemos que lembrar que movemento realizaba o robot ó premer cada botón; e cando xa o tivemos claro, empezamos a idear combinacións de movementos.

Se premedes na seguinte imaxe, accederedes ó álbum de fotos. 


Remataba a sesión, e combiña anotar todo para lembrarnos outro día. Así que cubrimos unha ficha que, ademais de nos servir de recordatorio, permitiunos traballar a lateralidade. 

Deixámosvos aquí cunha gravación sobre o noso primeiro achegamento escornabótico. 


Estamos desexando volver!

Comentarios