DETECTIVES CURIOSOS
Na aula dos Dragóns de 3 anos.
Os cativos de 3 anos B convertíronse este curso en detectives. Iso levounos a investigar un par de misterios. Aquí temos a narración da profe Marta.
Na clase dos Dragóns apareceu un maletín misterioso durante o segundo trimestre. Cheos de curiosidade, abrímolo, e atopamos un caderno, un bolígrafo, unha lupa... e unha nota misteriosa. Era o detective Sherlock Holmes, que necesitaba a nosa axuda.
A nota contiña unha mensaxe secreta escrita con signos. Como nós xa estivéramos aprendendo un pouco sobre a lingua de signos decatámonos de que a mensaxe era: INUIT.
Quedamos sorprendidos, porque nunca escoitáramos esa palabra. Xunto a ela aparecía a foto con pegadas dun animal.
Decidimos que tiñamos que axudar ó detective e investigar máis. Así que, coa axuda das nosas familias, ós poucos, fomos desentrañando o misterio e aprendendo unha chea de cousas sobre o pobo inuit e os seus costumes.
No blog da biblioteca quedou reflectido o entusiasmados que estivemos con este tema.
http://biblionavia.blogspot.com/2021/04/mira-profe-mira.html
Sherlock tamén quedou moi contento co noso traballo, e nomeounos os seus axudantes. Quen sabía cando podería volver a precisar a nosa axuda!
E ese momento chegou durante o terceiro trimestre: o noso amigo o detective deixounos un novo misterio para que lle axudásemos a resolvelo.
Na nosa clase apareceron unhas pedras e paus. Sospeitabamos que podían ter relación co lume, pero coa axuda das nosas queridas familias confirmamos que así era.
Pero... aínda tiñamos unha dúbida! Quen, cando e por que descubriu o lume?
E foi así como penetramos na marabillosa época da Prehistoria. Xuntos estamos a descubrir como vivían os homes e mulleres daquel tempo, como vestían, cales eran as súas ferramentas, que animais cazaban...
Estamos a aprender tanto...!
E nós convosco, cativiños!
Parabéns polo voso entusiasmo, polas vosas aprendizaxes e polo voso traballo! Grazas por acompañalos, Marta!
Comentarios