OS DE 4 ANOS B PLANTARON OS SEUS CARBALLOS NO MONTE DA SOBREIRA
E asi, case, case, rematamos onde comezamos.
Pois si. Lembraredes que, alá polo mes de outubro, todo o alumnado de Primaria acudiu ó Monte da Sobreira para plantar carballos, e que, logo, subiu a apertar o Monte dos Pozos. Polo medio traballamos o noso PDI deste curso: Pinga a pinga, pensa en verde.
E, xa a punto de rematar, os cativiños de 4 anos B achegáronse novamente a este enclave para plantar os carballos que agromaron das landras sementadas na escola. Unha ducia de exemplares que oxalá medren grandes e fortes.
No Monte da Sobreira esperábannos Gregorio e os traballadores da Comunidade de Montes de Valadares. Tras demostrarnos como se fan os buratos coa máquina, aprendéronnos a plantar. Logo, regamos e sinalamos as pequenas plantas con titores, uns paus longos que indican o lugar onde medra unha árbore.
Cando rematamos de plantar achegámonos ó monumento que lembra que neste lugar comezaron os lumes que arrasaron os nosos montes en outubro de 2017, e que, tamén neste lugar, se reuniron os nenos e nenas de oito escolas para repoboar.
Este monte é máxico por moitos motivos. E, estando diante do monumento, descubrimos unha xoaniña, que como sabedes, é unha especie en perigo de extinción. Con moito coidado, deixámola pasear polos nosos brazos.
E como o sol pegaba forte, a pesar do temprano que era, cruzamos novamente a ponte e achegámonos ó Colexio da Sobreira. Os compañeiros invitáronnos a merendar no patio.
Mágoa que o tempo foi escaso. Talvez o vindeiro curso poidamos subir onda eles e facer algunha actividade xuntos.
Mentres tanto, teremos que organizar quendas para que as nosas árbores non sequen durante o verán. Os nosos papás están tan entusiasmados coma nós.
E agora, se premedes na seguinte imaxe, poderedes gozar con outros momentos desta saída que, Jorge resumiu de marabilla ó condutor do autobús: "Pasámolo moi ben".
Comentarios