AS NOVAS DO CASTELAO

O alumnado de 3ºA converteuse estes días nun auténtico equipo de radio coa creación do programa “As novas de Castelao”, unha actividade na que puideron poñer en práctica todo o aprendido na área de Lingua Galega arredor das reportaxes e das noticias.

Ao longo do proxecto, os nenos e nenas traballaron a creación de informacións xornalísticas, inventando novas moi creativas, divertidas e sorprendentes. O programa contou con todos os elementos dun verdadeiro espazo informativo: presentadores e presentadoras, reporteiros e reporteiras desprazados “ao lugar dos feitos” e mesmo testemuñas que relataban o sucedido, facendo que a experiencia resultase moi realista e motivadora.

Ademais da elaboración das noticias, a actividade serviu para traballar aspectos fundamentais da expresión oral: a entoación, a pronunciación, o ritmo, a improvisación e a comunicación non verbal, tan importante á hora de transmitir información diante dun micrófono.

Con esta experiencia, o alumnado gozou aprendendo, desenvolvendo a súa creatividade e mellorando as súas habilidades comunicativas dun xeito dinámico e cooperativo. Sen dúbida, unha experiencia radiofónica para repetir!


Comentarios