O PDI DE 4º CURSO DE PRIMARIA
Moitas veces na vida non queda outra que reinventarse, e isto é o que lle pasou a clase de 4º B de Primaria.
Todo comezou cando se desvelou que o proxecto do centro ía ser Primus
circumdedisti me, todas e todos tiñan unha gran curiosidade polo que había
detrás do nome, a primeira volta ao mundo de Magallanes-Elcano.
Collemos unha cartolina e todas as reflexións, que xurdiron coma un rodopío de ideas, foron plasmándose en QUE SABEMOS? e QUE QUEREMOS SABER?
O tema era complexo, moi diverso, e había que focalizalo. A propia curiosidade fixo que as especias fosen o que máis lles sorprendeu, dado que lles chamaba a atención como algo tan asequible hoxe en día fose tan valioso naquela época. Acordouse facer un libro interactivo de preguntas e respostas. Ao abrilo, habería oito preguntas co obxectivo de facer reflexionar ao seu lector, e á vez ao voltalo e volvelo abrir, estarían as respostas para verificar ao lector se había ou non acertado. Unha vez rematado, presentaríamolo aos nosos compañeiros/as de 4º A.
A aula de informática ía ser o lugar idóneo, para comezar coma bos navegantes esta nova travesía. Por un lado, enfrentáronse a novos retos dixitais, como a busca e tratamento da información e imáxenes, á vez que investigaban o importante papel das especias nesta primeira volta ao mundo.
Toda a información íase gardando coma un tesouro, e na aula tocaba por grupos ir seleccionando a máis relevante e transformándoa en preguntas e respostas.
Despois, na aula de informática faríase a portada, contraportada e as etiquetas coas preguntas e respostas para pegar no libro.
Pero, como en toda travesía, a igual que Magallanes e Elcano, xurdiron contratempos, e por culpa da pandemia do coronavirus tivemos que cambiar de ruta e adaptarnos á nova situación.
As profes de 4ºA e 4ºB puxémonos dacordo e seguimos traballando o proxecto na aula virtual. Acordamos para que non decaíse a motivación facer un pasapalabra virtual, para que nas casas toda a familia puidese xogar á vez que seguían investigando. Cada día traballábase unha letra e ao día seguinte dábase a solución.
Tamén preparamos unha unidade didáctica globalizada, da que cada día colgábamos na aula virtual unha ficha.
E, os nosos navegantes, tamén fixeron a nao de Magallanes-Elcano con material de refugallo e inventaron poemas. A verdade é que quedaron moi ben!!
E para finalizar, dado o momento que nos tocou vivir, este proxecto serviu para reinventarnos e darnos conta que cada día temos a oportunidade de soñar e descubrir algo novo.
Comentarios