CHEGOU O ENTROIDO!
E celebrámolo con moitas ganas!
Este curso as cousas son moi distintas: non puidemos celebrar o Entroido co desfile doutros anos, nin compartir doces, nin invitar ás familias a gozar coa nosa festa. Pero, a pesar da pandemia, das restricións e das máscaras... celebramos un Entroido en toda regra!
Que gozada ver chegar ós cativos esta mañá, disfrazados con toda sencillez, pero... cun traballo e unha creatividade portentosos! Semellaba que estivésemos contemplando os cadros dun museo!
O abano de temas era enorme, igual que os que estamos a estudiar en torno ó noso PDI Fun polo aire, vin polo vento:
- os máis cativiños de 3 anos viñan armados con lupas, perseguindo pegadas, como uns expertos investigadores;
- nas aulas de 4 anos trasladáronse á escola de Hogwarts, cos seus bruxiños e as súas curuxas;
- as de 5 anos estaban repletas de trasnos facendo cen mil trasnadas;
- en 1º e 2º de Primaria atopámonos cun museo: un montón de cadros famosos paseándose polos corredores da escola;
- os de 3º e 4º cazaban emocións. Un perigo achegarse a eles! Absorbíante cos seus potentes aspiradores!
- en 5º de Primaria botaron man ás novas tecnoloxías;
- e en 6º, ós fenómenos meteorolóxicos.
Queredes darvos un paseo...? Premede na seguinte imaxe para acceder ó noso álbum.
A pesar do ben que o pasamos, quedábanos a mágoa de non poder compartir convosco, coas familias, a nosa ledicia. Por iso decidimos crear, entre todos, as coplas da nosa canción do Entroido e cantárvola, aínda que fose virtualmente. A entoación é mellorable, pero... o documento resulta emocionante e entrañable! E está especialmente adicado ós nosos cativiños de 5 anos A que participaron con ilusión dende as súas casas. Querémosvos moito, e botámosvos de menos!
Tamén queremos compartir convosco un par de grandes momentos que detectou a Maga Tomasa paseándose pola escola. O superespectáculo dos Cazavalores de 3º e 4º de Primaria, que, comandados pola profe Alma, encheron de troula a escola.
Que ben o pasaron!
E non queremos rematar esta crónica sen darvos conta dun momento máxico que ocurreu na Sala de Mestres despois de que todos marchásedes. Un momento que, como sucede coas lembranzas máis entrañables da nosa vida, xurdiu de xeito espontáneo, sen pensalo, pero que demostra unha cousa moi importante: que contamos cun marabilloso grupo de profesionais que comparten a súa vida e o seu traballo nesta escola, apoiándose, preocupándose os uns dos outros e creando un auténtico clima de familia.
Grazas, Equipo! Vai por vós!
Feliz e merecido descanso!
Comentarios
Como habéis conseguido hacer de un carnaval tan diferente un día tan especial para los niños.
Qué gran equipo.
Una familia de 1°A y de 3 anos B 😊