APRENDENDO E REFLEXIONANDO...











... cos contos de Bea Campos. 

As sesións de Hora de Ler desta semana están a resutar fantásticas. A rapazada está a pasalo fenomenal cos contos de Bea Campos. E estamos aprendendo moitísimo con eles. 

Os maiores, que son Alumnos bibliotecarios e adoitan preparar un conto para a Hora de Ler dos venres, atoparon en Bea Campos un modelo para captar a atención dos cativos

  • unha naturalidade que descubrimos que agocha moitísimo traballo previo; 
  • o xesto;
  • unha boa entonación; 
  • a repetición de certos elementos; 
  • os sons musicais;
  • o acompañamento musical acorde ó que se conta
  • ...

























Por outra banda, os contos presentados servíronnos para debater e reflexionar sobre varios temas. Por exemplo, con Rosa Caramelo falamos sobre
  • os estereotipos: por que as nenas teñen que vestir de rosa e os nenos de azul?
  • o machismo: por que nos anuncios de bonecas só saen nenas?; por que ós nenos lles regalan coches se, ó mellor, non lles gustan? por que damos por suposto que o fútbol só lles gusta ós nenos?
  • a igualdade: todos somos iguais, pero... por que as limpadoras son mulleres e cobran menos que os homes que, na mesma empresa, limpan os cristais ou pasan o abrillantador?
  • as dificultades que socialmente temos para elixir libremente sobre estas cuestións: se queres vestir a unha cativa dunha cor distinta á rosa é practicamente imposible atopar roupa.

Luken, en 4º de Primaria, sacou o seu libro de lectura (La rebelión de las chicas) e falounos de datos escalofriantes sobre o machismo: cada día 186 mulleres  morren no mundo a mans dos homes. Isto corroborámolo coas novas da prensa de hoxe. 

Nesta aula tamén chegamos a facer unha interesante enquisa entre o alumnado: resultou que a máis da metade dos nenos non lles gusta o fútbol, e que a inmensa maioría das nenas son moi afeccionadas. Isto tamén deu para pensar: por que ós homes lles pagan soldos millonarios e as mulleres apenas teñen equipos nos que xogar?

Daniela Pirata suscitou unha interesante discusión na aula de 3 anos B. Pode ser pirata unha rapaza? Algún cativo dicía que non. Pero despois de falalo e non atopar motivos para que fose así, os peques chegaron á conclusión de que os homes e as mulleres son iguais e poden facer as mesmas cousas. 



























Nunha cousa existiu unanimidade: en que todos os nenos e nenas estiveron atentísimos, sen perder detalle. Podedes comprobalo premendo na seguinte imaxe.

Comentarios