OBRADOIRO DE e-TEXTIS
En 3º de Primaria.
O pasado luns día 7 de marzo a rapazada de 3º de Primaria participou nun obradoiro de e-textis con Paola Guimeráns.
Xa dende o primeiro intre, os cativos e cativas estiveron enganchados, con comentarios como: Isto é un microchip, que mo aprendeu o meu pai; Eu quero unha camiseta coma esa; Nós imos a clase de Robótica...
O caso é que, despois das explicacións de Paola, comezamos a crear o noso propio brazalete. Para iso empregamos un anaco de feltro, agulla, fío condutor, un led, un microchip, unha pila de botón, un limpapipas, un portapilas, tesoiras e rotuladores.
Como en todo obradoiro de costura que se prece, xurdiron conversas espontáneas sobre as preocupacións dos cativos, e, neste caso, a guerra en Ucrania estivo moi presente.
Algúns tivemos serias dificultades co tema do cosido (nunca antes o fixeramos). Sen embargo, seguimos a intentalo ata que, finalmente, conseguimos rematar a tarefa.
Coa decoración que fixemos, cadaquén personalizou o seu brazalete.
Logo, collimos papel e pinturas e deseñamos novos produtos textis. Como podedes ver no seguinte vídeo, algúns resultaron moi útiles e creativos. Tamén apreciaredes que, ó rematar, avaliamos todo o que aprendemos.
En resumo:
- iniciámonos na costura (xa ninguén terá que cosernos os botóns);
- fixemos un circuito eléctrico, e aprendemos como temos que conectar os polos positivos e negativos;
- desenvolvemos a creatividade;
- expuxemos oralmente as nosas creacións, e escoitamos respectuosamente ós demais;
- recoñecemos todo o que aprendemos.
Comentarios