E POR QUE NON POMOS UN RESTAURANTE?

Gratis, e que poidan vir os pais. 

Con estas propostas tan entusiastas e espontáneas rematou o Obradoiro de Cociña desenvolvido co último grupo de alumnos e alumnas de 1º A. Un tempo de aprender, convivir e compartir que nos permitiu tamén ir buscar produtos á horta e sorprendernos cos coñecementos dalgúns cativos e cativas:

  • Iso é fiuncho, que o vou buscar sempre coa miña avoa
  • Esta é acelga amarela. Seino porque vou coa miña nai ó horto de Navia
  • As verzas collémolas na casa dos meus avós para que coman as galiñas
Hoxe cociñamos un prato único: pisto con ovos. Deunos bastante traballo trocear todo, e as perspectivas dalgúns acerca de que o prato lles gustase non resultaban moi prometedoras. Pero... finalmente, todos comemos, repetimos, e... incluso os que nunca o fan decidiron probar o ovo!

Tanto lles gustou, que andaban moi preocupados preguntando se lles podía enviar a receita ós seus papás para poder facela na casa. 

Pois... meu dito, meu feito! Aquí vai a nosa receita. 

Comezamos presentando os ingredientes que empregamos, acompañado dun pequeno debate: aceite ou manteiga?



    1. Pelamos a cebola e picámola. Botámola no wok. 
    2. Lavamos o porro e o pemento. Picámolos e engadímolos ó wok.
    3. Pelamos a cenoria, lavámola e cortámola en taquiños. Engadimos.
    4. Botamos sal e aceite e pomos no lume. 
    5. Lavamos a cabaciña e a berenxena. Cortámolas en taquiños e engadímolas ó wok. 
    6. Lavamos as acelgas. Troceámolas coas tesoiras e engadímolas ó wok.
    7. Debullamos os chícharos e engadímolos. 
    8. Lavamos os tomates cherry e engadímolos. 
    9. Botamos un pouco de salsa de tomate.
    10. Pelamos as patacas. Lavámolas. Cortámolas en taquiños e botámolas ó wok.
    11. Engadimos auga e deixamos todo a cocer. 
    12. Cando as patacas estean brandas engadimos os ovos, apagamos o lume e deixámolos facer co calor gardado, para que as xemas non se poñan duras.
    13. Acompañamos o noso prato con pan. 
E para gozar de todo o proceso, se premedes na seguinte imaxe accederedes ó álbum de fotos. 


A cociñar!




Comentarios