EN 3º B COCIÑAMOS...


Arepas!

O segundo grupo de alumnos e alumnas de 3º B de Primaria pasou polo obradoiro de cociña. 

Nesta ocasión cociñamos arepas de xamón e queixo, acompañadas dunha ensalada de ravos.

Por si non o sabedes, as arepas son un prato típico de Venezuela, Colombia e Panamá.

Neste pequeno vídeo podedes ver parte do que vivimos. 


ENSALADA DE RAVOS


O proceso que seguimos foi o seguinte: 

  1. Lavamos a leituga, a rúcula e os tomates. 
  2. Collemos os ravos. Separamos a cabeza da rama. Non tiramos o verde, que podemos aproveitar para un caldo. 
  3. Lavamos os ravos e cortámolos en rebandas. 
  4. Troceamos a leituga e a rúcula. 
  5. Cortamos os tomates en cadradiños.
  6. Introducimos todos os ingredientes nun bol. Botamos sal e aceite. 

AREPAS


proceso que seguimos foi o seguinte: 

    Preparamos a masa

    1. Nun bol botamos dúas tazas e media de auga. 
    2. Engadímoslle unha cullerada de sal e unha de margarina. 
    3. Mesturamos e, pouco a pouco, imos engadindo a fariña. 
    4. Cando todo estea mesturado, amasamos coa man, ata obter unha masa consistente que non pegue. 
    5. Se queda demasiado branda botamos máis fariña. Pero se queda demasiado dura engadimos un pouco máis de auga. 
    6. Cando estea preparada facemos unha bola coa masa e deixamos repousar cinco minutos. 
    Preparamos as arepas

    1. Dividimos a masa en dez partes. 
    2. Facemos bolas con elas.
    3. Aplastámolas coa man, facendo círculos duns dez centímetros de diámetro. 
    4. Pousámolas en papel de fornear. 
    5. Pomos ó lume unha tixola. 
    6. Pasamos un papel engraxado cunha pinga de aceite pola superficie da tixola.
    7. Cando estea quente estendemos unha arepa. Deixamos facela durante 6 ou 7 minutos. 
    8. Cando teña costra dámoslle a volta cun garfo de madeira. Agardamos un tempo similar.
    9. Cando estea feita, pousamos a arepa nun prato ou nunha táboa de cortar. 
    10. Cun coitelo mollado cortamos o lateral da arepa con coidado. 
    11. Recheamos de xamón e queixo. 
    12. Cando todas as arepas estean así preparadas pasámolas novamente pola tixola, para que o queixo se funda.

    A nosa comida está preparada. Agora, a replicala!




    Comentarios