CARMELA FALOUNOS DE BOSQUES E DE ECOLOXÍA
Unha muller senlleira para celebrar o Día da Muller Traballadora.
O 7 de marzo estivo na escola Carmela, que traballa na secretaría da ESAD. Carmela chegou á escola para celebrar connosco o Día da Muller Traballadora, que tivemos que adiantar por mor da folga.
E por que veu Carmela? Para nos falar da súa tarefa medioambiental.
Chegou vestida cunha camiseta de Rosalía, o cal resultaba xa moi prometedor. Reuniuse na biblioteca co alumnado de 1º e 2º de Primaria. O primeiro que fixo foi concienciarnos sobre tarefas que facían tradicionalmente os homes ou as mulleres. Rapidamente, a man alzada, elaboramos varias enquisas. E démonos conta que, nas nosas familias, aínda que moitos pais colaboran, son as nais as que adoitan facer as tarefas do fogar.
Dende moi nova, Carmela estivo implicada en asociacións ecolóxicas. Iso levouna a formar parte da directiva da Comunidade de Montes de Saiáns, que, por primeira vez, estivo integrada, unicamente, por mulleres.
Tamén contou unha anécdota moi bonita: despois de ter un grave accidente, a súa irmá recibiu a correspondente indemnización. Con ese diñeiro, a súa familia montou unha empresa de compostaxe.
Na súa charla saíron moitísimos temas:
- como temos que tratar á Natureza: non debemos estragar as árbores;
- cando facemos unha saída polo bosque debemos utilizar os sendeiros marcados;
- nos bosques habitan moitos animais: insectos, paxaros, incluso xabaríns;
- debemos evitar os plásticos: sempre reducir, reutilizar, reciclar;
- temos que evitar malgastar a auga: é ouro;
- vivimos nunha cidade na que os bosques son moi importantes; por iso, a pesar do seu tamaño, os niveis de contaminación son moderados;
- o labor dos nenos e nenas é fundamental: temos que aprender ós adultos a ser ecolóxicos.
Estas son algunhas fotos tomadas durante a charla:
Moitísimas grazas, Carmela, por nos acompañar neste día tan senlleiro, pola túa disponibilidade e enerxía. Seguro que a túa experiencia será un bo exemplo para os nosos cativos!
Comentarios