LIBROS, EXPERIMENTOS CON AUGA E MULLERES
Recibimos na escola a dúas científicas do CSIC.
Cando se aproximaba o mes de marzo tiñamos a idea de convidar a mulleres científicas para nos falar do seu traballo e para celebrar o Día da Muller Traballadora. Por problemas de axenda tivemos que adiantar o encontro. Pero, aínda así, non perdemos a perspectiva desta celebración tan senlleira, nin a súa relación co PDI deste curso. Porque, nos experimentos que nos mostraron estas dúas mulleres, as pingas de auga tiñan un papel protagonista.
Así, o 11 de febreiro achegáronse ó colexio a nai de Adrián e Iago, que é científica no CSIC, cunha compañeira de traballo. Acudiron á cita o alumnado de 5º e 6º de Primaria.
Transcribimos a crónica elaborada por María Sebastián, alumna de 5º curso de Primaria, que nos explica o vivido nesta charla.
O luns 11 de febreiro viñeron dúas científicas ao colexio e fixéronnos varios experimentos.
No primeiro lugar, vimos un vídeo dos microorganismos, que ían parando para explicarnos o que viamos. Acórdome de dous tipos: os bos e os malos. Tamén faltaba un (aínda que non me acordo do nome), pero sei que podía provocar a morte.
Despois fixemos o primeiro experimento. Consistía en encher dous botes de auga temperada, un con auga fría e outro con auga quente. A algúns botábanlles maicena e máis ingredientes, despois, uns globos de cores a cada un. Ao final, o que máis inchou foi o globo amarelo.
Por último, ensiáronnos unhas placas con xelatina no fondo e déronnos unha a cada persoa. Dixéronnos que tiñamos que poñer tres dedos para ver cantos microorganismos tiñamos nas mans.
Cando marcharon, deixáronnos un libro, moi interesante, sobre o que falamos nesa hora. Creo que a todos lles gustou moito.
Moitas grazas, amigas científicas! E moitas grazas, María, por ternos informado tan ben!
Comentarios