ENCONTRO VIRTUAL CON ANÉMONA DE RÍO

Ou Aldara Álvarez García, como prefirades. 

A mañá do 21 de abril de 2021 tiña gardada unha agradable sorpresa para o alumnado de 5º e 6º curso de Primaria do noso cole.  E é que puidemos compartir un bó rato coa autora do libro que este curso lemos en conxunto nas nosas aulas: A proba de auga de Aldara Álvarez García, a cal publica a súas obras baixo o pseudónimo de Anémona de Río.



Trátase dun cómic que aborda un tema que aos rapaces adoita gustarlles moito, o corpo humano, e que, ao mesmo tempo, está de rabiosa actualidade, xa que un dos protagonistas é unha vacina. Ademais, a súa estética lembra moito aos mangas que tanto éxito teñen entre os lectores do Castelao.

Os nosos rapaces e rapazas tiveron a oportunidade de facerlle unha manchea de preguntas a Aldara; así descubriron que a inspiración para facer este cómic sacouna dunha conversa que tivo cando era pequena cos seus pais (que son sanitarios) aos que sempre lles facía moitas preguntas sobre o funcionamento do noso corpo e como este loita contra as enfermidades.

A autora contounos tamén como foi o proceso de elaboración do seu libro e canto tempo lle levou facelo. E comentou as súas viñetas preferidas, as que lle resultaron máis difíciles de debuxar ou como elixiu as paletas de cores segundo o que trataba de describir.

Todos devecían por saber por que elixiu o nome de Anémona de Río e explicounos que foi porque coñeceu a alguén que se identificaba como Ninfa de mar. A ela chamoulle moito a atención e decidiu buscar un parecido para ela, pero cunha chispa de humor, xa que, coma saberedes, a anémona é un ser mariño.



Ademais de A proba de auga, Aldara publicou Tam, o seu primeiro cómic, do cal está a piques de saír ao mercado a segunda parte.

Esta foi a primeira oportunidade que tivo o noso alumnado de vivir un encontro virtual cun autor a través dunha videoconferencia, da cal todos gozaron moitísimo. Sen dúbida, foi un fantástico xeito de pre-celebrar o Día do Libro.

Premendo na seguinte imaxe poderedes acceder ó álbum de fotos da xornada. 



Agradecemos á profe Maite esta reseña tan completa e fantástica.



Comentarios